982 430 001

Atención cidadá

Xeral

Manifesto polo Día Internacional da Muller

Con motivo do Día Internacional da Muller, este venres ao mediodía concentrámonos diante da Casa do Concello da Pobra do Brollón para a lectura do manifesto na voz da concelleira de Igualdade, Noelia Besteiro:

Estou segura de que a veciñanza da Pobra do Brollón camiñamos da man na procura dunhas vidas seguras, dunhas vidas sen medo, esforzándonos por ser unha comunidade amable e libre de calquera tipo de violencia.

Imos da man procurando unha vellez agarimada, unha vida adulta plena, onde todas teñamos un emprego de calidade, unha vivenda digna e poidamos exercer unha maternidade libre e elixida, e na que todas amamemos a quen queiramos amar. Imos da man,  a veciñanza toda, á procura da máxima protección da adolescencia e da infancia, porque son a semente da nosa sociedade.

Estou segura de que a veciñanza da Pobra do Brollón camiñamos da man na procura dunha vida compartida, que abrace a diferenza e a vulnerabilidade e que teña como horizonte a felicidade.

Así pois, o concello da Pobra do Brollón conmemora este 8 de Marzo, Día Internacional da Muller, reafirmando o compromiso  cos dereitos das mulleres, de cara a acadar a igualdade de xénero en todos os espazos da vida política e social, reforzando os dereitos das mulleres e as nenas, para que sexan elas as protagonistas do seu presente, para que sexamos nós as protagonistas do noso presente. As protagonistas da nosa felicidade.