‘Déixate guiar’ é o programa de visitas guiadas de verán do Concello da Pobra do Brollón, cunha oferta de catro visitas: Penas do Castelo, Cova das Choias, Castro de San Lourenzo e Adegas e Miradoiro de Vilachá.
As visitas ofrécense dende o 6 de xullo ao 20 de setembro, nos seguintes horarios:
- Castro de San Lourenzo: Luns e Mércores ás 11h
- Penas do Castelo: Luns e Mércores ás 18h
- Cova das Choias: Martes 18h e Domingo 11h
- Adegas medievais e miradoiro de Vilachá: Martes 11h e Domingo 18h
Reserva obrigatoria para todas as visitas no teléfono 623 469 474 (cunha antelación mínima de 24 horas e preferentemente por WhatsApp).
O prezo por visita son 5€/persoa (menores de 12 anos, gratis). O pago realízase á guía ao comezo da visita.
Permítese un máximo de 15 persoas por grupo, excepto na visita a Cova das Choias, que está limitada a un máximo de 10 persoas.
Castro de San Lourenzo
Un castro que conta cunha antiga igrexa e un camposanto medieval. Coñece a historia do lugar e da parroquia de Cereixa a través dun proxecto de arqueoloxía en comunidade no que os veciños do pasado e do presente son os verdadeiros protagonistas.
Info práctica
- Punto de encontro: cartel de madeira ao pé do castro (Preme aquí para localización en Google Maps)
- Hai un pequeno traxecto a pé ata o castro cunha lixeira pendente
Penas do Castelo
Un intrigante xacemento pendurado sobre o río Lor na paisaxe protexida do Courel.
A través das súas impresionantes vistas coñeceremos a paisaxe, historia e tradicións da parroquia de Salcedo, famosa polo Entroido do Oso, pero que agocha moitas máis sorpresas.
Info práctica
- Punto de encontro: Diante do cartel informativo (Preme aquí para localización en Google Maps). Para chegar ata o punto de encontro, hai que percorrer 2km de pista de terra dende o núcleo de Salcedo (pódese ir en coche).
- O xacemento está localizado nunha forte pendente.
Cova das Choias
Unha cova na que habita musgo luminiscente, colonias de morcegos e seres mitolóxicos.
A cova presenta moitos valores sobre os que priman os criterios de conservación dun santuario natural.
Trátase dunha visita moi limitada tanto no número de xente como nas veces nas que se pode acceder no ano coa intención de alterar o menos posible o equilibrio natural.
Info práctica
- Punto de encontro: diante do Concello da Pobra do Brollón (Preme aquí para localización en Google Maps)
- Desprazamento nos vehículos particulares
- Hai un pequeno percorrido a pé ata a cova de aproximadamente 2 km, cunha lixeira pendente
- Para protexer a flora e a fauna da cova, esta visita está limitada a 10 persoas cada visita.
Adegas e Miradoiro de Vilachá
Coñece a Ribeira Sacra guímara visitando o conxunto de adegas medievais da Abelaira en Vilachá de Salvadur seguido dun paseo ata o Miradoiro da Capela durante o cal descubriremos lendas e tradicións da parroquia de Vilachá.
Unha vez no miradoiro, divisaremos o lugar de Os Conventos, onde se realizaron as primeiras datacións científicas das terrazas da Ribeira Sacra, e desvelaremos a súa historia que permite coñecer a orixe e evolución desta paisaxe vitícola.
Info práctica
- Punto de encontro: campo da festa de Vilachá de Salvadur (Preme aquí para localización en Google Maps)
- O paseo ata o miradoiro son 3km en total (ida e volta).






