982 430 001

Atención cidadá

Cultura

A Pobra do Brollón presenta unha nova estratexia turística cunha oferta de cinco tipos de visitas guiadas

Tras do éxito da campaña de visitas guiadas ao Castro de San Lourenzo do verán pasado –12 persoas de media diaria– para este ano, o Concello decide manter as visitas ao castro e ampliar a oferta incluíndo outros elementos de interese do Concello. A oferta pretende ser o máis diversa posible, chegar aos principais puntos de interese e ser atractiva para todos os gustos.

“Esta oferta de visitas responde á clara aposta do Concello por un turismo cultural de calidade” – comenta Xosé Lois Maceda, alcalde da Pobra do Brollón – “A apertura do aloxamento municipal solidario e o feito de potenciar o Camiño de Inverno, todo vai na mesma dirección: temos que crear oferta e que a xente veña e isto repercuta na economía local”. O ciclo de visitas desenvolverase entre xullo e agosto. Para acudir será necesario reservar no teléfono 666 435 832.

A oferta é a seguinte:

Castro de San Lourenzo

De martes a venres ás 11:00 h. (duración 1 hora) Punto de encontro: Ao pé do Castro, no cartel

Trátase dunha visita directamente ao Castro de San Lourenzo, no que se estará realizando a cuarta campaña de escavación. Durante a visita, ademais de poder achegarse ao traballo arqueolóxico e ás últimas novidades, os visitantes farán un percorrido polos 2.000 anos de historia que alberga o lugar.

Cova das Choias

De martes a venres ás 18:00 h. (duración 1hora 30 min. Incluindo desprazamentos) Punto de encontro: Diante do cuartel da Guardia Civil.

Trátase dun dos elementos máis emblemáticos do Concello que conxuga perfectamente, patrimonio natural e cultural. Dende o punto de vista natural interesa a propia formación da cova e, sobre todo, os seus habitantes (as choias, varias especies de morcego e o visgo fosforescente)

A fuxida dun Guerrilleiro

Sábados ás 11:00 h. (duración 2 horas. Distancia 3 Km.) Punto de encontro: Repil

Nesta visita, coa Batalla de Repil como trasfondo faremos un percorrido polas zonas menos coñecidas de Cereixa. Trátase dunha andaina que comeza en Repil para, a través das últimas escavacións arqueolóxicas coñecer esta batalla na que no ano 49 foron abatidos 4 guerrilleiros pola Guardia Civil, continuará o percorrido pola hipotética ruta de fuxida do Segura, supervivinte da batalla, ata Cereixa.

Un paseo polos tempos de María Castaña

Sábados ás 17:00 h.
Punto de encontro: Restaurante O Fogón (duración 2 horas. Distancia 2 Km.)

Ruta pola parroquia de Cereixa coñecendo os seus lugares de interese: Igrexa, as Casas do Ramau e de Alende e o Castro de San Lourenzo onde remata a ruta. Ademais, farase un achegamento aos/ás veciñ@s de Cereixa do presente e do pasado entre os que destaca María Castaña.

Os domingos de Vilachá

Domingo ás 11:00 h.
Punto de encontro: Adegas de Vilachá (Distancia 2 Km.)

Trátase dun pequeno roteiro que ten como obxecto aproveitar o espazo inigualable das Adegas de Vilachá. Esta visita ten un carácter máis lúdico, xa que o obxectivo final é crear unha xuntanza nas adegas abertas nas que, probando o viño, se favoreza a conversa c@s produtor@s.

Irase desde as adegas ata o Mirador da Capela, un balcón sobre o Sil e a viticultura da Ribeira Sacra. As adegas estarán abertas a partir das 13:00 h. Non é necesario vir á andaina para ir tomar uns viños. O obxectivo é que suban quenes o desexen e xerar un ambiente festivo e agradable.

Etiquetas