982 430 001

Citizen attention

Culture

Xurxo Souto e Lagháchema na Foliada Guímara do sábado 26 en Piño

As Foliadas Guímaras son unha iniciativa do Concello da Pobra do Brollón en colaboración coas asociacións veciñais das parroquias co obxectivo de descentralizar a programación cultural e fomentar a tradición musical do municipio.

Este sábado 26 celébrase unha nova edición, desta volta no local social da parroquia de Piño. Haberá grandes convidados, comezando ás 20:00 horas coa presenza de Xurxo Souto.

O escritor, narrador e músico presentará o seu novo libro, Somos un pobo de artistas. O método Luísa Villalta (Xerais, 2024). Na obra, Souto defende a relación entre poesía e música ao longo da historia ademais de rescatar importantes figuras da música popular.

Tras a presentación e antes de dar paso á foliada, a Asociación veciñal de Piño ofrecerá un caldo comunitario, para o que dende a organización instan aos asistentes a levar cunca e culler. 

A foliada propiamente comezará a partir das 22:00 horas, animada por Lagháchema, grupo de cantadoras e tocadoras radicadas en Santiago de Compostela.