982 430 001

Citizen attention

Xeral

Como nos afecta a situación de emerxencia sanitaria declarada pola Xunta

A Xunta activou onte 13 de marzo a situación de emerxencia sanitaria en Galicia como consecuencia da evolución da epidemia do Coronavirus.

Co obxectivo de que o Covid-19 avance con menor progresión, xa está en marcha unha serie de medidas que se resumen a continuación. 

Suspéndese durante 14 días a actividade de establecementos abertos ao público. Isto implica o peche de: 

– Bares, restaurantes e cafeterías, podendo prestar servizos de envío a domicilio ou para a súa recollida no local. Suspéndense tamén as feiras da Pobra. O peche non afecta aos servizos de restauración dos establecementos hoteleiros, sempre que se destinen estritamente aos clientes dos mesmos, e dos establecementos en instalacións destinadas á prestación de servizos públicos.

– Centros de ocio infantil (péchase o parque infantil da Pobra do Brollón)

– Pavillóns e recintos deportivos, ximnasios e piscinas. 

– Cines e teatros. 

– Establecementos de xogo. 

– Salas de concerto e auditorios. 

– Recintos feirais. 

– Establecementos de ocio e entretemento – salas de festa, discotecas, pubs, furanchos e cafés espectáculos . 

– E albergues do Camiño de Santiago.

Os comercios minoristas de alimentación e produtos de primeira necesidade permanecen abertos. Poderán abrir, por exemplo, froiterías, carnicerías, peixarías, panaderías, farmacias, gasolineiras, quioscos e tendas de alimentación.

Por outra banda, establécese un aforo máximo dun terzo para os edificios de culto (igrexas) e para os tanatorios. Estabécese un máximo de 25 persoas para o acompañamento do cortexo fúnebre. 

Estas medidas súmanse ás medidas establecidas polo Concello da Pobra do Brollón respecto ás actividades e edificios municipais.

Que podo facer a nivel individual?

Recoméndase aos cidadáns evitar viaxar e saír á rúa. Outras recomendacións moi importantes son: 

– lavar as mans con auga e xabón coa frecuencia; 

– cubrir a boca e o nariz ao tusir ou esbirrar; tusir na parte interior do cóbado ou sobre un pano desbotable; 

– evitar tocar a boca, o nariz e os ollos coas mans; 

– desinfección do fogar con lixivia e produtos de limpeza; 

– non bicar nin dar a man a outras persoas; 

– manter unha distancia de seguridade entre as persoas de entre un metro e medio e dous; 

– nos baños públicos, lavar as mans con auga e xabón, secalas cunha toalla de papel desbotable e tocar os tiradores e pomos cun pano de papel.